Monday 06 de May de 2024

O Concello de Noia reabre este luns 14 de setembro a piscina municipal cunha estrita normativa especial por mor da Covid-19


O non cumprimento do regulamento implicará a expulsión inmediata da instalación e unha sanción

O Concello de Noia reabrirá este luns 14 de setembro a piscina municipal, unhas instalacións pechadas ao público dende que se ditou o decreto de alarma pola pandemia da Covid-19 o pasado 13 de marzo. A concelleira de Deportes, Laura Salgado, explica que “aproveitamos estes meses para facer traballos de mantemento e mellora para unha reapertura na que e aplicaremos unha normativa especial pola Covid-19, que deberá ser seguida estritamente polas persoas usuarias das instalacións xa que o seu incumprimento implicará a expulsión e unha sanción de acordo ao regulamento”.
A piscina municipal de Noia abrirá este luns cun novo horario: de 8:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 horas, de luns a venres; de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas os sábados; e de 10:00 a 14:00 horas os domingos. Haberá un control na entrada das instalacións onde se comprobará a temperatura de todos os usuarios e usuarias que, de superar o 37 grados, terán prohibido acceder ao recinto. Un acceso que estará condicionado polo aforo máximo permitido nese momento.
Todas as persoas que desexen acceder ás instalacións deberán utilizar máscara de forma obrigatoria e manter a distancia de seguridade de 1,5 metros co resto das persoas usuarias.
Así mesmo, no acceso ás instalacións deberán desinfectar as mans con xel hidroalcohólico e o calzado cunha alfombra disposta na entrada. Outra novidade é que as persoas que non sexan socias e accedan ás instalacións con entrada deberán deixar os seus datos persoais en recepción (nome, dirección e teléfono de contacto).
No caso dos vestiarios, o aforo máximo permitido é de 8 persoas no masculino e de 6 no feminino. O Concello de Noia recomenda non facer uso das duchas, se ben haberá catro habilitadas, e evitar tocar os obxectos das demais persoas usuarias. Estará permitido o uso das taquillas e, en caso de non empregalas, recoméndase non deixar os obxectos persoais en contacto cos dos demais usuarios. Aqueles obxectos que se atopen abandonados nos vestiarios ao final do día non serán gardados, senón eliminados.
Protocolos
Así mesmo, a Concellería de Deportes de Noia ten elaborado un protocolo de acceso ás diferentes actividades. No caso da piscina, permitirase un máximo de 3 persoas por carril e deberanse seguir os sentidos de circulación na praia. Nas saunas permitirase un aforo máximo de 2 usuarios e un tempo máximo de 15 minutos. No caso do spa, o tempo máximo será tamén de 15 minutos pero o aforo máximo será de 6 persoas.

A sala de actividades terá un aforo máximo de 6 persoas e un monitor, sendo a duración máxima das actividades de 30 minutos. Finalmente, o aforo do ximnasio estará limitado a 12 usuarios, que deberán utilizar máscara en todo momento e gardar a distancia de seguridade de 1,5 metros cos demais usuarios. Así mesmo, non poderán empregar toalla e deberán agardar a que se desinfecten os aparatos ou as pesas despois de cada uso.
Infraccións
Por último, o Concello de Noia estableceu tamén un procedemento de sancións para as persoas que non cumpran con estas normas. De feito, o seu incumprimento será sancionado coa expulsión inmediata da instalación e unha sanción segundo o artigo 19 do Regulamento de utilización das instalacións deportivas municipais.
Consideraranse infraccións graves as accións que prexudiquen gravemente ou supoñan riscos para a saúde das persoas usuarias ou traballadoras das instalacións, que impliquen un deterioro moi grave ou irreversible das instalacións ou equipos ou a reiteración de dúas ou máis infraccións graves no mesmo día. Por infraccións graves enténdense as faltas de respecto ás persoas traballadoras da instalación ou dos demais usuarios ou as accións que impliquen un deterioro grave das instalacións ou dos equipos. Finalmente, a desobediencia ás instrucións e advertencias do persoal das instalacións ou calquera outra infracción do regulamento será considerado como infracción leve.
O Concello de Noia aproveitou o peche das instalacións por mor da Covid-19 para mellorar as instalacións, co pintado das distintas salas, a posta a punto das máquinas do ximnasio, reparacións nos vestiarios e a realización de traballos de carpintería de toda a instalación. Así mesmo, dixitalizouse a documentación que había no arquivo.